Actividades

Verónica Codesal, compoñente de Ialma, presenta, o domingo 12 de novembro, o seu proxecto "100 Voltas"

Verónica Codesal, compoñente de Ialma, presenta, o domingo 12 de novembro,  o seu proxecto

Faino acompañada do acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici

Verónica Codesal presentará o próximo domingo día 12, ás 12:30h, na Casa-Museo Manuel María, o seu recente traballo musical “100 VOLTAS”. Estará acompañada polo acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici.

Verónica Codesal (voz e pandeireta) é compoñente do coñecido grupo galego-belga Ialma, que conta con sete traballos publicados e que está formado por catro mulleres nacidas e residentes en Bruxelas, mais que son de orixe galega e conforman o seu repertorio con música do noso país. Ademais, Verónica Codesal representou a Bélxica no Festival de Eurovisión no ano 2003 formando parte do grupo Urban Trad. Fíxoo coa canción “Sanomi” quedando na segunda posición.
Nesta ocasión, dous músicos de proxección internacional acompañarán a Verónica Codesal. Por unha parte Didier Laloy (acordeón diatónico e stompbox), é un dos mellores instrumentistas de acordeón diatónico do mundo e solista en orquestras sinfónicas de Alemaña, Italia, Cuba e Bélxica. Pola outra, Damien Chierici  (violino e instrumentos electrónicos), intérprete, compositor e arranxista polifacético (música clásica, folk, composicións para cinema...), o que o levou a compartir escenario con artistas internacionais como Glen Hansard ou Lisa Hannigan, a crear bandas sonoras cinematográficas como a serie belga PANDORE ou á realización de xiras con moitos grupos belgas por Europa.
“100 VOLTAS” é un traballo cheo de cultura e tradición galega que conta cun repertorio que preserva a esencia do pasado ao mesmo tempo que incorpora elementos contemporáneos e diferentes instrumentos. Nel recóllese o compromiso de Verónica Codesal como muller feminista, de maneira que moitas das súas composicións realizáronse sobre textos de distintas poetas galegas (Rosalía de Castro, Xohana Torres, Andrea Nunes, María Lado, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Brais Fernández, Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo) a través dos que contan, xunto a textos tradicionais, as súas historias de mulleres, compañeiras, nais, fillas, amigas, traballadoras, artistas, activistas...
O concerto da Casa-Museo Manuel María forma parte da xira por Galiza para a a presentación de “100 VOLTAS” na que o grupo realizará seis concertos entre os días 11 e 16 de novembro, sendo o único na provincia de Lugo.
Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) no whatsapp 698177621 ou en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.