Actividades

Uxía cantará a Manuel María no día do 86º aniversario do seu nacemento

Uxía cantará a Manuel María no día do 86º aniversario do seu nacemento

A cantante contará para a ocasión coa inestimábel colaboración de Xabier Díaz. O concerto, de entrada libre até completar o aforo, comezará ás 20 horas e será gravado ao vivo para ser distribuído xunto cunha publicaciòn de textos seleccionados de Manuel María

O auditorio da Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá o vindeiro martes 6 de outubro, día do 86 aniversario do nacemento de Manuel María, unha actuación musical de Uxía. Será un concerto de carácter gratuíto que dará comezo ás 20 horas, con entrada libre até completar o aforo do auditorio (antiga palleira da casa natal do escritor), no que a cantante contará coa colaboración e o talento de Xabier Díaz. Sen dúbida, un magnífico prólogo a un ano que se prevé intenso e vizoso en todo tipo de proxectos e iniciativas arredor de Manuel María e da Casa-Museo e un moi fermoso agasallo de aniversario. 

Este concerto é a forma que collerá este ano a xornada anual de amigas e amigos da Fundación, que desde o ano pasado acordamos instituír coincidindo coa data do nacemento do noso poeta nacional. Esta xornada naceu para ser un espazo de encontro, fraternidade e diálogo entre o amplo grupo de persoas que ao longo do ano prestan un inestimábel apoio, humano e económico, ao sostemento da Casa-Museo e á actividade que a Fundación desenvolve. 

Este concerto ten, ademais, a particularidade e o atractivo de que será gravado ao directo para ser incorporado a unha inminente publicación de textos seleccionados de Manuel María. Malia a súa gratuidade, por razón de aforo do espazo, cómpre reservar entrada chamando ao teléfono 698 177 621 ou enviando un correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal.