Actividades

"Resistencia" de Rosa Aneiros, protagonista da última sesión do Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

17/05/2019

O sábado 11 de maio falamos de Resistencia, de Rosa Aneiros. Baixo este título polisémico (referido tanto ao emocional como ao socio-político), cóntase a historia de varias xeracións de dúas familias dunha pequena vila portuguesa, ao tempo que aborda o contexto histórico correspondente á parte final da ditatura de Salazar, ao trunfo da revolución dos caraveis e aos anos subseguintes.

En xeral, esta novela gustou ás lectoras, máis aló do escaso acerto da imaxe da portada que non se corresponde coa calidade da historia, ao reducir a referencia visual unicamente ao sentimental. Houbo tamén quen atopou algo excesiva a trama en canto ás historias de amor absoluto entre distintos personaxes. Ata aquí as tachas que fomos quen de poñerlle a esta obra magna.

Coincidimos todas en que o xeito de narrar esta historia é absolutamente envolvente: a autora potencia as sensacións e as emocións, que chegan con intensidade a quen le. Esta intensidade narrativa ralentiza nun primeiro momento a lectura; entrar no universo vital que contorna o Pinhal do Rei non é doado, pola densidade do texto. Percorridos os primeiros capítulos, afeitas xa ao ritmo vagaroso do relato e ao ton lírico que percorre todo o conxunto, avánzase ben entre as súas páxinas.

Rosa Aneiros amosa nesta obra a mesma habilidade para abordar as paixóns positivas que dominan aos personaxes (amor, tenrura) e as máis ruíns e violentas aldraxes (abusos cara ás mulleres na comunidade á que pertencen ou na guerra colonial en África, torturas na cadea durante a ditadura...): ata o sufrimento é representado cunha calidade expresiva extraordinaria.

En canto aos personaxes, hai que dicir que van medrando ao longo do texto, de xeito que cobran gran profundidade ata presenzas secundarias. Moitas delas ben poderían ter sido protagonistas doutra novela pola intensidade da súa historia, que fica só apuntada nalgún capítulo de Resistencia. A evolución dos personaxes vai parella ao desenvolvemento argumental, que ten certos xiros inesperados (ás veces mesmo entre capítulos: caso do "regreso" final de António ao Pinhal do Rei). A autora xoga ao desconcerto co lector, xerándolle en ocasións expectativas engañosas. En relación con isto, o final aberto, que cadaquén constrúe segundo a súa interpretación das últimas páxinas é o peche de ouro para esta novela.

Outro aspecto fundamental nesta obra é a constante presenza da escrita na trama, sendo o xénero epistolar un eixo vertebral das relacións entre varios personaxes (dona Leonor, Dinís, Filipa). Os protagonistas principais, ademais, vencéllanse animicamente ao que viven a través das cartas.

O relato ten dúas partes ben diferenciadas: a de pulsión amorosa entre varias parellas (algo tendente á hipérbole sentimental, como xa se dixo) e a que se centra máis na situación socio-política, no xermolo da chamada revolución dos cravos, focalizada dende a perspectiva dos protagonistas e con algúns apuntamentos á historia xeral.

Nós tivemos algunha diverxencia sobre cal das dúas partes gustara máis, aínda que a valoración xeral foi moi boa. No que houbo unanimidade foi no enorme pouso emocional que deixa esta novela, o que a fai difícil de esquecer.

Neste caso o texto poético que acompañou o comentario foi "Confeso que estou tola", de Marica Campo.

A nosa próxima lectura, O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán, reuniranos de novo a finais de xuño. Na segunda imaxe podedes ver as outras propostas, moi recomendables todas.

Galería de fotos

Outras propostas moi recomendábeis

Outras propostas moi recomendábeis