Actividades

O pasado 11 de decembro reuiniuse por última vez este ano o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

O pasado 11 de decembro reuiniuse por última vez este ano o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

"Un señor elegante", de Suso de Toro, será a próxima lectura para o mes de xaneiro

Despois de case tres meses sen xuntarnos oficialmente -fómonos encontrando aos poucos noutras actividades, algunhas na propia Casa Museo-, o sábado 11 de decembro reunímonos para falar da representación da obra de Manuel María "A lúa vai encuberta", á que asistimos en dúas quendas (unhas en Vilalba, o 2 de outubro, e outras en Lugo, o 28 de novembro) e da novela "Esta noite hei de ir a verte", de Beatriz García Turnes.
A historia protagonizada pola mestra Sabela achegounos ao mundo da docencia na posguerra, que, no caso dalgunhas lectoras, non estaba moi lonxe da súa propia experiencia vital. Atopamos esta obra lixeira, entretida, de agradecida lectura, ao que hai que engadirlle o interese do protagonismo feminino (máis aló da personaxe central, hai outras figuras con moita presenza argumental) e a intriga da trama, modesta pero que aborda cuestións pouco habituais en relatos dirixidos á rapazada.
No que se refire á proposta escénica da peza teatral, ficamos moi impresionadas pola súa espectacularidade, pola maxistral posta en escena, que ten o inmenso mérito de manter a fidelidade ao texto orixinal de Manuel María, e, ao mesmo tempo, facer aportacións significativas para insertala no contexto do s. XXI. A innegable vixencia de A lúa vai encuberta faina unha referencia absoluta na historia das representacións de teatro galego contemporáneo.
Só queda parabenizar ás compañías Incendiaria e Quinta do Cuadrante por este magnífico traballo, e por suposto ao xurado da IIº Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, pola súa escolla.
Nesta sesión de comentario tivemos que saltar os petiscos para incorporarnos a tempo ao concerto do Comando Curuxás, pero houbo tempo para partillar un poema de Darío Xohán Cabana, 'Venceredes vós' a quen era de xustiza facerlle unha mínima homenaxe. Na imaxe, a composición gráfica correspondente ao devandito texto (caricatura de Héitor Picallo e composición gráfica tirada do facebook de García Do Outeiro e da libraría Cabanillas de Cambados).
A lectura para xaneiro, como xa tiñamos falado, é "Un señor elegante", de Suso de Toro.
Apertas de libro!

Galería de fotos

Composición gráfica de Venceredes vós, de Darío Xohán Cabana

Composición gráfica de Venceredes vós, de Darío Xohán Cabana

Caricatura de Héitor Picallo e composición gráfica tirada do facebook de García Do Outeiro e da libraría Cabanillas de Cambados

Héitor Picallo ()