Fundación Manuel María de Estudos Galegos
25/01/2023
O sábado 28 de xaneiro nova sesión para comentaren "Ninguén queda", de Brais Lamela e para manter un encontro con Luz Campello, en relación co seu "Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas"
As malas mulleres de Marilar Aleixandre foi o libro que se comentou na sección de adultas na última sesión do ano 2022.
Ao longo da historia as presenzas femininas fican desdebuxadas, esvaécense na escuridade as súas biografías e as súas achegas. Esta novela contribúe á recuperación da figura de Juana de Vega ao tempo que visibiliza a situación das mulleres presas nos cárceres galegos de finais do s.XIX. A referencia concreta á Galera da Coruña e á actividade de Concepción Arenal como visitadora ensaríllase argumentalmente na ficción coa personaxe de Sisca, testemuña da traxedia familiar debida á miseria e á inexistencia de contracepción na época.
E así empata esta lectura coa anterior, se ben neste caso abórdase a realidade da descendencia non desexada con certa perspectiva histórica. De novo o relato serviu para poñer en común experiencias propias e alleas en relación co uso do corpo das mulleres e coas imposicións das que fomos (e seguimos sendo) vítimas.
Atopamos especialmente valorable a trama a varias voces, coas tres protagonistas xa referidas, e un amplo elenco feminino: a señora Paquita, Encarnación (a nai de Sisca), Marica (a irmá), Pepa A Loba, as damas da Sociedade A Madalena, as compañeiras de Sisca, as monxas que agoiran ás presas, a vella da carnicería... e mesmo Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
Nesta panorámica hai que destacar "o mudo coro das malas mulleres" que cuestiona a tradición literaria misóxina, e a posta en valor de Juana de Vega, tenacidade e man esqueda a partes iguais. A contraposición ideolóxica entre a Condesa de Espoz y Mina e Concepción Arenal pareceunos outros dos grandes logros da obra, ao superaren as súas diferenzas para traballar polas ideas comúns.
Tamén valoramos positivamente a coincidencia das tres grandes intelectuais galegas do s. XIX, e máis ao facer fincapé nas coincidencias espazo-temporais e non nas diverxencias.
Porén, a inclusión de tal cantidade de referencias femininas na mesma narración, ten algunha pexa: a presenza da mítica bandoleira, ao noso ver, resulta forzada.
No que se refire á inxente labor de documentación, aínda que está xustificada ao abordar as vidas reais (malia ficcionalizalas), a súa incorporación na estrutura da novela xerou desacordo, e houbo a quen non lle convenceu ese elemento narrativo.
Polo demais, as lectoras reivindicamos ás "malas mulleres" que tanto nos deixaron en herdo.
O sábado 28 reunirémonos de novo para comentar Ninguén queda, de Brais Lamela e para manter un encontro con Luz Campello, en relación co seu Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas, cuxo primeiro poema serviu de peche desta sesión, na que nos acompañou Mariña.