Actividades

Reseña das últimas sesións do Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

Reseña das últimas sesións do Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

"Residente privilexiada", de María Casares, é a próxima lectura

 

Na xuntanza de finais de xaneiro tivemos con nós a Luz Campello para falarnos de Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas. Foi unha sesión cómplice, moi intensa, chea de forza e de emocións, pois os versos entretecéronse coas experiencias vitais da autora e das lectoras. A necesidade de visibilizar a dor e as feridas, a importancia do acompañamento e os coidados, o valor terapéutico da palabra -e do silencio- foron aspectos fundamentais da conversa porque "o importante é estar", "saber recibir e non só dar", "poñer nome ás cousas, facer que existan" e "aprender ata o final".
 
Curiosamente, a ferida e a perda -outro dos grandes eixos temáticos do poemario- permitíronnos facer o encaixe con moitas cuestións argumentais do libro de Brais Lamela, Ninguén queda, que era a outra lectura proposta para esa data. A colonización da Terra Chá por parte de poboación expulsada da contorna de Negueira de Muñiz coa creación do encoro de Grandas de Salime non puido menos que levarnos a falar da violencia cara á paisaxe que hoxe non supón anegar un territorio, senón inzar o país de aeroxeneradores eólicos. Esa destrución da natureza aparece tamén reflectida na poesía de Luz, como outro corpo que doe ver invadido alén do propio, no que se constrúe a identidade, nomeadamente no caso das mulleres.
 
Máis aló da perda e da ferida, as dúas obras comparten a visión simbólica do espazo de referencia, ao que se volve unha e outra vez, de distintas maneiras, e a idea do botin que hai que rescatar de quen quere arrebatárnolo. Leliña tenta teimudamente recuperar un tesouro agochado no monte, un herdo máis inmaterial que material que testemuña a existencia dunha comunidade previa á que se pertence aínda sendo desposuída dela.
 
Dos poemas que nos envolveron na voz da poeta aquela tarde fica a referencia a tres nesta breve memoria dun encontro inesquecible: a reivindicación dunha figura mítica en clave feminista, "Andrómeda apoderada" (un de cuxos versos dá título ao conxunto poético); a transcendencia de "Cando xa non haxa tempo que valla", que lembra a herdanza emocional que deixamos tras de nós; e a autoafirmación na diferenza en "Ser toda ás", verdadeira declaración de intencións. O texto que pechou a velada foi "No bordo da incerteza", tan acaído para estes tempos inescrutables
 
A seguinte lectura, A culpa de María Solar, comentouse o 19 de marzo, con notables diferenzas na súa valoración. Houbo a quen lle gustou moito, tanto a historia argumental coma o xeito de contar, pero á maioría non acabou de convencernos a trama e pareceunos inxustificable o cambio lingüístico ao castelán na parte final, por moito que estea ambientada na Arxentina. Porén, recoñecémoslle aspectos interesantes como a referencia ao "amor frankenstein" ou o bucle de autorreferencialidade que consegue a través do diario dunha das protagonistas, un elemento clave para o relato. O máis valorado foi o insospeitado desenlace, que permite establecer un paralelismo máis entre a misteriosa muller que deixa a herdanza e quen a recibe.
 
Rematamos con petiscos e poesía, coma sempre: "Seica soamente durará de min", de Anxo Quintela e "A loira do caldeiro", de Flora Miranda foron as achegas poéticas nesta ocasión.
 
Agora estamos afiando os dentes con Residente privilexiada, de María Casares, que comentaremos en maio, mentres esperamos con ilusión a viaxe a Elviña, para estreitar relacións co club de lectura da Asociación Tempo Novo. O programa é ben chulo: roteiro, xantar e concerto no castro...