Actividades

Preséntase este sábado na Casa-Museo "A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira", de Montse Fajardo

Preséntase este sábado na Casa-Museo

04/11/2020

A obra dá a coñecer o pensamento e a loita da compañeira de Castelao, que percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade

Este sábado, día 7 de novembro, ás 18 hrs, a Fundación Galiza Sempre e a Casa-Museo Manuel María organizan o acto de presentación en Outeiro de Rei do libro editado polo Concello de Pontevedra e escrito por Montse Fajardo, "A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira".
O libro dá conta da vida de Virxina Pereira, unha persoa que percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade. Desde o seu compromiso partillado co seu compañeiro, Castelao, desde os tempos máis felices ao seu carón na procura do recoñecemento do noso país, até as situacións máis duras na guerra e no exilio, Virxinia deixou pegada en quen a coñeceu e na súa correspondencia, o que permitiu a Montse Fajardo reconstruír o pensamento e a loita desta muller intelixente e combativa que quedou invisibilizada durante decadas e que con esta publicación se recupera para completar a comprensión do noso terríbel pasado e a explicación do porqué do noso presente insastisfactorio. 
A actividade é de entrada libre mais por mor das limitacións de aforo, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do whatsapp 698177621.