Actividades

Poesía para cantar c'Os Diplomáticos de Monte-Alto

Poesía para cantar c'Os Diplomáticos de Monte-Alto

O próximo día 17 de marzo, ás 20 hrs, celebrarán un concerto especial na Casa-Museo Manuel María 

O sábado 17 de marzo, ás 20 hrs, e dentro da programación cultural que vén desenvolvendo o auditorio da Casa-Museo Manuel María, Os Diplomáticos de Monte-Alto celebrarán un concerto especial denominado Poesía para cantar.

O outro lado da música, a poesía, escribiu Luísa Villalta. Seguindo tal mandato Os Diplomáticos de Monte-Alto achegarán melodía algúns dos seus poetas máis queridos, Teresa Ramiro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Rivas e, por suposto, do propio Manuel María. Da súa palabra beberon a eito Os Diplomáticos. Alén de mestre da literatura, Manuel María foi ilustre veciño do barrio coruñés de Monte Alto. Agora volve convocalos -na súa casa natal- como anfitrión desta sesión inédita de música e de poesía.

As persoas interesadas en se achegar á Casa-Museo para cantar versos cos Diplomáticos de Monte-Alto, deben reservar a entrada (billete 5 euros), quer escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, quer chamando ao 698177621.

A sesión culminará cunha dose condensada dos clásicos todos deste conxunto bravú.