Actividades

Paula Carballeira estará este sábado, 22 de maio, na Casa-Museo Manuel María cunha dupla sesión de narración oral

Paula Carballeira estará este sábado, 22 de maio, na Casa-Museo Manuel María cunha dupla sesión de narración oral

17/05/2021

"Contos para acabar con algún medo", para crianzas e público familiar, e "Mulleres que viven soas", para público adulto

PAULA CARBALLEIRA ESTARÁ ESTE SÁBADO, DÍA 22, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA cunha función dupla de narración oral, a primeira dirixida, a partir das 17.30 hrs, para CRIANZAS E PÚBLICO FAMILIAR (de 4 a 99 anos), e a segunda, a partir das 19 hrs, para PÚBLICO ADULTO (16 a 99 anos).

A primeira sesión, para crianzas e público familiar, ás 17.30 h, leva por título CONTOS PARA ACABAR CON ALGÚN MEDO.

Primeiro temos que saber como é o medo: grande ou pequeno, dos que aparecen cando non hai ninguén ao teu carón, dos que lle gustan a escuridade, dos que prefiren dar sustos… Para cada medo hai un remedio, e mesmo hai remedios que valen para todos: a risa, a música, a luz, mirar o medo cara a cara, fronte a fronte, directamente aos ollos. Cando pensamos que perdemos a valentía nalgures, os contos axúdanos a recuperala. Só hai que lembrar o que lles aconteceu ás e aos protagonistas destas historias, non moi lonxe de aqui, non hai moito tempo.

Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621 e estar dispostos a que alguén nos conte unha historia. Billete 2 euros.

 

A segunda sesión, para público adulto, ás 19 h, leva por título MULLERES QUE VIVEN SOAS.

As mulleres que viven soas son sospeitosas. Sospeitosas de amargura, de escuridade, de intencións ocultas. As mulleres que viven soas son bruxas. E, xa se sabe, as bruxas, coa súa falta de pudor e de límites, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan. Nesta sesión de contos, as mulleres que viven soas son as protagonistas. Como na vida, provocarán tenrura, repulsión, admiración ou medo. Son a memoria dalgúns dos nosos temores e das nosas esperanzas.

Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621 e estar dispostos a que alguén nos conte unha historia. Billete 5 euros.

 

PAULA CARBALLEIRA dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais ( Portugal, Brasil, Francia, Chile, Ecuador, Perú, Colombia,Cabo Verde, Arxentina, Costa Rica, México....). Participou en diversos programas da TVG (Viradeira, O clan dos impostores, Libro de familia, Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima Audiencia, Contando estrelas, Pepe o inglés) e ten colaborado en diferentes espazos da Radio Galega (Xamón,xamón, A taberna da galega).
Membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612 que se desenvolveu nos concellos de Santiago de Compostela e no de Ferrol. Ademais dun traballo continuado en Berrobambán, participa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Por exemplo, foi a máxima responsable dos espectáculos de Talía Teatro Mundos contados, Pequena e Rosa Caramelo e outras historias; dirixiu e interpretou a montaxe do Centro Dramático Galego para público infantil A cabana de Babaiagá, e protagonizou Desde a sombra/Bufóns e Pallasos para a compañía Magrinyana.
Tamén é autora de máis de trinta libros publicados e traducidos a diferentes idiomas: castelán, inglés, portugués, alemán, turco, coreano, italiano, éuscaro, catalán..., algúns deles distinguidos cos premios: Lecturas, White Raven, Isaac Díaz Pardo, Manuel María de Literatura Dramática Infantil ou o Frei Martín Sarmiento. Entre eles destacan: Mateo (Kalandraka, 1999), Paco (Kalandraka, 2000) Premio Lecturas 2001, Correo Urxente (EDB, 2002) Premio Lecturas 2003, O ganso pardo (Edelvives, 2002; Palabras del Candil, 2013) , A era de Lázaro (Galaxia, 2004), Smara (Kalandraka, 2006), White Raven e Premio Isaac Díaz Pardo, Boas Noites (Edicións Xerais, 2007) e O refugallo (Xerais, 2013) ambos gañadores do Manuel María, finalistas dos premios AELGA e nominados aos María Casares do teatro galego, Contatrás II-I (Edicións Positivas, 2012), O principio (Kalandraka, 2012), A burra Ramona (Baía, 2013) premio frei Martín Sarmiento 2016, Misterios (ASSITEJ, 2015) Finalista do Premio ASSITEJ de Textos Dramáticos, Bruxa e familia (Santillana, 2017) incluído na Lista de Honra da OEPLI ou Somos os Monstros (Xerais, 2019) Premio Manuel María.
Ademais escribiu libros de Lecturas Escolares para a editorial Anaya como Alicia sabe voar, Voces no sumidoiro ou Aldara na lúa entre outros.