Actividades

Pakolas trae, á Casa-Museo Manuel María, o seu novo espectáculo musical “A Ramona Pequena vai á lúa”

Pakolas trae, á Casa-Museo Manuel María, o seu novo espectáculo musical “A Ramona Pequena vai á lúa”

Será este sábado, ás 17 horas

 
Pakolas trae este sábado, día 4 de novembro, ás 17 horas, á Casa-Museo Manuel María, o seu novo espectáculo musical “A Ramona Pequena vai á lúa”. Neste concerto, dirixido para nenas e nenos entre 3 e 10 anos, Pakolas guiará coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e da súa guitarra, nun espectáculo creado polo propio autor.
 
O músico cantará e contará a historia de Ramona pequena. Unha máquina do tempo levará esta á súa infancia, desde alí fará vivir, aos asistentes ao concerto, unha nova aventura rockeira e didáctica chea de imaxinación e aprendizaxe. 
 
Paco Cerdeira, é un músico, compositor e produtor que leva dedicándose ao público infantil desde xa hai máis de dezaseis anos, comezando no seus inicios, e durante dez anos, co grupo Mama Cabra, para formar en 2014 a súa banda, A Gramola Gominola, e en 2015 o seu proxecto máis persoal Pakolas. Con este último leva editado tres traballos: Pakolas (2017), Ramona Órbita, a dona do tempo (2020) e A Ramona Pequena vai á lúa (2023).
 
Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.