Actividades

O último encontro do Clube de Lectura xirou sobre "O xardineiro dos ingleses", de Marcos Calveiro

O último encontro do Clube de Lectura xirou sobre

23/04/2020

Reseña da particular sesión celebrada este pasado sábado

Confinadas e todo, tivemos xuntanza do Clube de Lectura, e non só comentamos a obra fixada, O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro: fixemos unha boa festa lectora desta volta!
Á diversidade de contidos hai que engadir a variedade de formatos: vídeos -como veredes-, audios, comentarios por escrito, imaxes, enlaces, referencias... moitos fíos dos que tirar proveito. 
Para comezar, recomendámosvos botarlle un ollo ao vídeo onde Sara, a máis nova das nosas lectoras, fai unha síntese sobre esta novela. Nel introdúcense varias das cuestións clave da obra como a estrutura, ben artellada arredor da dobre trama -a historia de Delia e Miro Cores e o relato do propio proceso da escrita e investigación histórica(*); a ambientación temporal que abrangue case  todo o s. XX, cos diversos enfrontamentos e episodios de represión que tiveron lugar na contorna de Vilagarcía, ese espazo semiurbano no que o autor tan ben reflicte o conflito entre as clases sociais na época. Este escenario histórico ben debuxado, resultado dun labor inxente de documentación, é unha homenaxe á memoria das vítimas, que non permite a ollada indiferente de quen le.
A nós gustounos como se evidencian certas figuras femininas desa sociedade, amosando así a importancia das mulleres que no se deixan asoballar, coma Delia Cores, loitadora e solidaria, pero tamén a súa tía Olympia, sempre na procura da vida en liberdade. Outras presenzas significativas na novela son, como xa se falou, Sorolla e Federico García Lorca, vencellados na trama a Delia e a Miro, respectivamente. O caso de Edelmiro, que fica deslumbrado pola obra do escritor andaluz, levou a unha de nós a establecer un paralelismo entre a loita constante contra o descoñecemento do protagonista e a función deste Club de Lectura, como espazo de aprendizaxe colectiva. 
E ben, xa para rematar esta síntese do que puxemos en común, fica dicir que nos cativou esta narración, construida con moitas microhistorias ben enlazadas, pola forza e a tenrura das personaxes principais, mais tamén pola búsqueda da liberdade e da xustiza que latexa nas súas páxinas.
Podedes ler unha boísima entrevista co autor, nesta ligazón, que unha lectora tivo a ben compartir.
Mentres debullábamos a obra, saíu a referencia ineludíbel a Enriqueta Otero, aludida nalgún capítulo, a quen algunas das participantes tiveron a sorte de coñecer persoalmente, pero tamén se falou doutras mulleres significadas coma Nieves Ariza Alonso, coñecida como 'a desenterramortos' e 'a dos quilómetros'. 
E logo toucou facer recomendacións de libros (imaxes que acompañan esta reseña): uns viñeron ao fío desta lectura, como La voz dormida, de Dulce Chacón; Os últimos fuxidos de Fernández Ferreiro e Fuxidos de sona, de Carlos Reigosa; Os nomes do terror, VVAA; O exército de fume, de Manuel Gago; Seique, de Susana Sánchez Aríns; O cabo do mundo, de Xabier Quiroga; Cárcere de ventas, de Mercedes Núñez; Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello; Un cesto de mazás, de Montse Fajardo ou Herba moura, de Teresa Moure. Outros citámolos por seren as obras ás que andábamos botándolles o dente: Un lume azul, de Pedro Feijoo; Cerca del corazón salvaje, de Clarice Linspector; De nuevo, el amor, de Doris Lessing; De remate, de Héctor Cajaraville ou El eternauta, de H. G. Oesterheld e Fco. Solano, xunto con algúns que xa pasaran pola nosa 'sección oficial' como Os nenos da varíola, de María Solar e A arte de trobar, de Santiago Lopo.
Non sei se nos darán os dentes para tanto, e iso que o pasado sábado 18 non houbo maneira de compartir petiscos; ao igual que o roteiro de O xardineiro dos ingleses, quedarán para cando abran de novo os camiños, mentres seguiremos pola corredoira dos soños e as letras.
O que non faltou foron as achegas poéticas, que cadraron moi ao xeito: un dos Seis poemas galegos  de Lorca, a 'Cantiga do neno da tenda', e outro da nosa lectora Almudena Falcón, que tivemos a sorte de escoitar na súa voz. Tamén houbo quen se animou a contarnos ou facer unha evocación poética a partir de títulos de referencia para ela (ver vídeos dentro desta nova). Canta creatividade de libro!
Só queda engadir que acordamos ler unha obra de libre acceso na rede e moi propia para intercalar con outras lecturas, Os dados do reloxeiro, de Xurxo Mariño, polo que non tedes excusa ningunha para non acompañarnos nesta nova xeira. Cara ao Día das Letras rencontrarémonos. Apertas lectoras.

(*) Que quedan indisolublemente unidas pola esquela do xardineiro dos ingleses.

Imaxe de libros recomendados

Imaxe de libros recomendados