Actividades

O mércores, 21 de marzo, preséntase en Ferrol o facsímil da primeira edición d'Os soños na gaiola de Manuel María, con ilustracións de Reimundo Patiño

O mércores, 21 de marzo, preséntase en Ferrol o facsímil da primeira edición d'Os soños na gaiola de Manuel María, con ilustracións de Reimundo Patiño

15/03/2018

Será ás 20 hrs, no antigo hospicio, con actuación musical incluída, alén da presenza de Leandro Lamas, autor de 12 ilustracións sobre poemas d'Os soños na gaiola que se mostrarán no propio acto

O mércores, 21 de marzo, no antigo hospicio de Ferrol, a Sociedade Cultural Medúlio organiza un acto de presentación do facsímil da primeira edicion d'Os soños na gaiola, con deseños de Reimundo Patiño, que vén de editar a Casa-Museo Manuel María.

No acto intervirán o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, a profesora da Universidade de Compostela, Montse Pena Presas, autora dun estudo que acompaña esta edición especial, e Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María.

Para alén disto, Medúlio agasallará aos presentes unha actuación musical en que Xoán Padín e Lidia Piñeiro (voz), Alberte Maceira (gaita) e Nélida Santiago (violino) porán melodía algún dos poemas d'Os soños na gaiola.

No acto tamén estará presente Leandro Lamas, autor de 12 láminas sobre outros tantos poemas deste poemario, que exporá estas acuarelas para coñecemento e recreación das persoas que se acheguen.