Os textos poéticos que acompañaron a sesión do 18 de setembro foron "Patria obsidiana" de Luz Campello e "Ti es para min isa barca..." de Xohana Torres
O 18 de setembro retomamos o comentario de lecturas falando das dúas propostas do verán: O infinito nun xunco, de Irene Vallejo e Memoria da choiva, de Pedro Feijoo.
Curiosamente, desta volta as dúas obras tiveron valoracións dispares entre as lectoras. A historia do autor vigués, vencellada á figura de Rosalía, en xeral, enganchou e gustou, aínda que houbo quen atopou excesivo o relato dos crimes. Todas recoñecemos o acerto co que vencellou episodios da trama cos versos da autora, pero en canto ao final, de novo había opinións variadas.
O inxente ensaio de Irene Vallejo, que a maioría aínda andabamos rillando aos poucos, tamén deu pé a contrapoñer impresións entre unhas e outras; algunhas considerámola unha obra moi interesante, chea de referencias literarias e de curiosidades históricas en relación coa escritura, aínda que a súa intensidade-densidade fixo que outras decidisen pospoñer a súa lectura para outra ocasión.
Os textos poéticos desta xornada foron 'Patria obsidiana' de Luz Campello e 'Ti es para min isa barca...' de Xohana Torres, texto ao que Antón Laxe lle puxo voz a petición dunha de nós.
No seguinte encontro (o de decembro) comentaremos A lúa vai encuberta, de Manuel María, aproveitando que está a se representar nestas datas na contorna, e Esta noite hei de ir a verte, de Beatriz García Turnes. Un señor elegante, de Suso de Toro, irá na quenda de xaneiro.
Apertas de libro!