Actividades

"O hibisco púrpura" de Chimamanda Ngozi e "Todo canto fomos" de Xosé Monteagudo

03/10/2020

Reseña da última sesión do Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María

O sábado 19 este Clube de Lectura retomou as xuntanzas na horta da Casa-Museo, despois da paradiña do verán. Comentamos O hibisco púrpura de Chimamanda Ngozi e Todo canto fomos de Xosé Monteagudo. Desta volta, a conversa libresca acompañámola coa dozura das flores de hibisco, mentres ía vindo o relento anunciando a noite.
Primeiro debullamos a obra da autora nixeriana, que co seu relato achegounos á realidade dun país do que case non tiñamos referencias. A orixinalidade da perspectiva narrativa e a universalidade de boa parte dos temas principais desta novela, que reflicte experiencias vitais tan próximas as nosas, sorprendéronos moi gratamente. 
Latexa nas súas páxinas a denuncia das relacións familiares opresivas, da duplicidade moral asociada ao fanatismo relixioso, da corrupción endémica e do abuso do poder, do desprezo da cultura propia por considerala inferior a outra que é allea... Porén, ata neste contexto hostil, hai diversas maneiras de enfrontarse ao día a día, tanto no ámbito das relacións persoais como no ámbito cultural e sociopolítico, e iso osixena esta historia durísima, pois os personaxes principais son quen de virar o rumbo do seu destino.
Logo veu a quenda de Todo canto fomos, un libro máis longo, por veces denso, cuxa estrutura contrapón as vidas de distintas xeracións dunha mesma familia ao longo do s.XX. Este percorrido xenealóxico iníciase coa nova da inminente morte da nai do narrador, e mantén o interese da trama ata o final, a pesares da que a cantidade de datos, froito dunha inxente laboura de documentación, ralentiza o ritmo narrativo.
Tamén a metaliteratura ten un papel relevante nesta novela, a través desa voz narradora e dos diarios e documentos que lle legan algúns dos seus antepasados e que lle permiten ao fin descubrir o segredo da nai, completando así o quebracabezas familiar para a seguinte descendente da saga.
Curiosamente, atopamos certas coincidencias entre estas dúas obras: nos dous casos trátase de 'historias de familia', onde as tensións e enfrontamentos xorden da imposición patriarcal; a diferenza do pequeno ciclo de crise que presenta a nixeriana, o autor galego desenvolve unha secuencia dilatada temporalmente, o que lle permite atinxir as grandes etapas históricas do século vinte. 
Nas dúas, a estrutura contribúe a dar graza ao conxunto, constituíndose como eixo fundamental, que obriga a quen le a ir colocando pezas para compor unha imaxe final. Na primeira delas, hai que   recoller con atención pequenos fíos soltos que vai deixando a autora ao longo da narración, mentres que na de Monteagudo, trátase de atopar o encaixe de historias e personaxes que se intúe que van confluír nalgún punto do argumento, pero non é doado anticiparse ao relato, pois, ao igual que no libro de Ngozi, vaise avanzando na trama de través, sen que nada se conte de xeito directo.
É reseñable a fervenza de referencias-recomendacións das lectoras que saíron nesta xuntanza: a outras novelas lidas en común (como A nena do abrigo de astracán) ou coñecidas pola maioría (Cometas en el cielo), sumáronse tamén lecturas feitas por libre, como Mi vida, mi libertad de Ayaan Hirsi Ali;  Entre dos palacios, de Naguib Mahfuz; Miel y almendras, de Maha Akhtar... 
Esta xornada rematou coa lectura do poema 'O meu xardín' de Salvador Ribadomar e 'O reino' de Celso Emilio Ferreiro. 
O seguinte que imos ler é unha obra biográfica: A vida incerta, de Montse Fajardo, que aborda a descoñecida figura de Virxinia Pereira. Descubrirémola nas súas páxinas! 

 

Galería de fotos

Sesión Clube de Lectura na horta da Casa-Museo Manuel María

Sesión Clube de Lectura na horta da Casa-Museo Manuel María

Sara (2020)