Actividades

Proxección de DHOGS e conversa co seu director, Andrés Goteira, este sábado no auditorio da Casa-Museo

Proxección de DHOGS e conversa co seu director, Andrés Goteira, este sábado no auditorio da Casa-Museo

04/11/2018

O filme máis premiado do cinema galego último, DHOGS, será proxectado este sábado, 10 de novembro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María. Ao final da proxección haberá un coloquio co director Andrés Goteira e con outras persoas do equipo (Adrián Folgueira e Ismael García)
A fita coa que o meirense Andrés Goteira debuta como director na longametraxe de ficción toca distintos xéneros ( comedia romántica, cinema experimental, drama, western, terror, thriller…) e ten a seguinte sinopse: 
Mentres un estraño personaxe atravesa as rúas da cidade ao volante dun vello taxi, no bar dun luxoso hotel está Álex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente do monte de acontecementos que lle sucederán nas próximas horas. Despois dunha fugaz aventura cun executivo verase inmersa nunha vaga de violencia sen motivo aparente.
Producida por Gaitafilmes e Pixel Films conta no seu reparto, entre outros, con Antonio Durán “Morris”, Melania Cruz, Carlos Blanco, Iván Marcos, Miguel de Lira, María Costas…Lucía C. Pan é a responsábel da fotografía, e Gérmán Díaz e Óscar Trigo da música
Algúns dos recoñecementos do filme foron os 13 premios Mestre Mateo que colleitou na última edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual, o premio a Mellor Longametraxe no Panorama Fantástico do FANT de Bilbao, o Premio da crítica no BIFFF de Bruxelas, o de Mellor Filme no Filmfest de Split e no Algeciras Fantástika, Mellor Filme e Mellor Actor Nocturna de Madrid, Mellor Director San Cugat Fantástico…
A fita non é recomendada para persoas menores de 18 anos e pode facerse reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621. O prezo do billete é de 2 euros