Actividades

A edición facsimilar conmemorativa dos 50 anos d'Os soños na gaiola preséntase o día 22 na Coruña

A edición facsimilar conmemorativa dos 50 anos d'Os soños na gaiola preséntase o día 22 na Coruña

14/02/2018

O facsímil fíxose sobre un exemplar da primeira edición que contén ilustracións de Reimundo Patiño

Este ano conmemóranse os 50 anos da primeira edición do libro Os soños na gaiola de Manuel María, obra inaugural da poesía infantil galega. A Casa-Museo Manuel María está a desenvolver distintas iniciativas para celebrar este anivesario. Unha delas é a edición do facsímil desta primeira edición. Concretamente do exemplar sobre o que Reimundo Patiño realizou distintas ilustracións. 

Esta edición facsimilar vén acompañada dun estudo introdutorio da profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Montse Pena Presas que leva por título ““Unha Galicia que vai no sentimento”: Claves para unha nova lectura d’Os soños na gaiola”.

Distintas presentacions serán levadas a cabo estes meses para darmos a coñecer esta edición celebrativa. A primeira, será na Coruña, o próximo día 22, ás 20 hrs, no local da A. C. Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16, 1º A Coruña). Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, Montse Pena Presas e Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María serán as persoas que intervirán no devandito acto.