Encontros, sesións, visitas..., son algunhas das actividades que levou a cabo o clube de lectura das persoas adultas da Casa-Museo
O último ano foi probe en reseñas pero de moita fartura de actividades. Aquí vai esta breve memoria para deixar rexistro da nosa andaina nestes meses.
A finais de abril de 2023 houbo unha xornada de convivencia deste clube de lectura e o da asociación cultural Tempo Novo, de Elviña. As de Outeiro acudimos á súa sede, convidáronnos a xantar, a coñecer a contorna cun roteiro, e a asistir ao concerto que Luar na Lubre deu no castro de Elviña. Esta xornada compartida foi un verdadeiro luxo, en todos os sentidos.
Devolvéronnos a visita o 22 de outubro. Para correspondermos á súa espectacular acollida, Antón Laxe preparou un percorrido guiado á Casa Museo, en clave coruñesa. Logo fomos a Santa Isabel, que nos recibiu calada e chea de misterios, xantamos moi á chairega, demorándonos na conversa, e volvemos á Casa de Hortas para a actividade final, mistura de presentación e lectura compartida. Tamén foi un día memorable.
Así ficaron tecidos os vimbios para ler un par de referencias literarias en común: Confusión e morte de María Balteira de Marica Campo e As voces baixas de Manolo Rivas.
En xuño de 2023, recibimos a visita doutro clube de lectura, o da librería Bahía de Foz, que pasou o día achegándose ao espazo de referencia de Manuel María. Neste caso a xuntanza xurdiu a proposta de Cielo, filla de Suso Fernández, o gran amigo do poeta chairego na Mariña. Na biblioteca da Casa Museo falamos de libros e intercambiamos recomendacións. Está pendente que as lectoras de Outeiro fagamos a viaxe á inversa.
No que se refire á actividade habitual de comentario de obras lidas, tamén en xuño, abordamos Residente privilexiada, de María Casares; un libro denso, para algunhas demasiado, co que a actriz coruñesa deixa testemuño da súa traxectoria vital e profesional.
Para o verán acordamos ler a antoloxía de relatos Fisterra e tamén Farenheit 451, que era unha proposta da sección xuvenil deste clube de lectura, "A tribo". O plan era facer unha saída conxunta a Baldaio en setembro e aproveitar para falar desa obra, pero houbo que suspendela por mor da climatoloxía na data que estaba fixada. A visita guiada pola contorna de referencia de María Rei en Flores de ferro, novela lida tamén nas dúas seccións de lectoras, quedou adiada para a primavera. Case cadrando co primeiro cabodano de Saleta Goi, as adultas fixemos pública a decisión de homenaxeala escollendo o seu nome para acubillar a nosa actividade.
O 21 de outubro, con algo de atraso sobre o previsto, reunímonos para comentar as propostas de verán. Gustaron. A maioría recuncaremos nos relatos de Fisterra. O reencontro tivo sabor salgado, como non podía ser doutro xeito, cunhas galletas mariñeiras. E os versos foron de Carmen Villar, do seu Mil e un días.
Na liña de tirar proveito conxunto, adultas e xuvenís, de actividades culturais da Casa Museo, o 2 de decembro houbo un encontro con Berlai, que veu presentar Estampas galegas. A rapazada, da man de Sara Coello, animouse coa lectura do seu libro-disco, e o resto das lectoras, que tiñamos moi bo sabor de boca de Desconhecido, obra comentada no 2019, sumámonos a esa conversa co autor (e ao concerto posterior). Foi un éxito outra vez.
O 16 de decembro comentamos Estranxeiras, de Carmen P. G. Granxeiro, que deu para falar moito sobre a vida real nas aldeas fronte á tendencia á idealización "do rural", fenómeno que as participantes, residentes na contorna a maioría, viven en primeira persoa. A valoración xeral foi positiva, é unha lectura agradecida que se achega a moitos temas de actualidade sen dramatismo, pois os conflictos aparecen bastante suavizados.
A seguinte reunión de comentario foi en xaneiro do 2024, e nese caso tocoulle a vez a O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa. A escolla foi un compromiso coa realidade palestina, ante os brutais ataques israelís, e resultou todo un acerto: encantounos o relato da estirpe Baraka, en feminino, entretecendo o cotián e o transcendente nun territorio ocupado onde o único refuxio da esperanza é a memoria e o apoio mutuo ante a desgraza. Dóenos ter que engadir a iso a barbarie. Nesa ocasión, a poesía, ademais de atopala en moitas páxinas da obra, cun ton lírico e épico a un tempo, estivo presente no concerto posterior de Crúas, ao que asistimos moitas de nós.
E de espectadoras pasamos a recitadoras: en febreiro, para conmemorar o Día de Rosalía, puxémoslle voz a algúns dos seus poemas, nun acto organizado pola Fundación Manuel María.
Pecados veniais, de Nazaret López foi a nosa última aposta, coa que case cadramos o día da muller: moi a xeito en canto ás protagonistas destes relatos que van interrelacionándose uns cos outros, aos poucos, para ao fin encaixar todas as pezas nun mosaico. Aínda que a situación emocional atormentada das personaxes zumega certa acedume e o pírrico dalgunha vinganza desaqueloutrounos bastante, triunfou a orixinalidade das tramas, o desenvolvemento impredecible da maioría delas, con xiros inesperados e resolucións "in extremis". A diversidade temática dos motivos centrais das historias tamén foi un punto a favor.
As Comadres das Letras co seu Contármonos acompañarannos o 20 de abril, no seguinte encontro.