Actividades

Reseña do último libro comentado polo Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María, "Ardalén" de Miguelanxo Prado

Reseña do último libro comentado polo Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María,
24/12/2018

 

Esta novela gráfica de Miguelanxo Prado encantounos, tanto pola calidade dos debuxos, como pola trama argumental, onde a memoria ten un papel fundamental: esa memoria selectiva dos feitos que nos fai ser quen somos, e ao mesmo tempo, esa construción persoal e colectiva ("Somos o que recordamos e o que os outros recordan de nós"), que ata nos permite vivir ata a vida doutros/as (coma a literatura!).

A isto hai que engadir o enorme protagonismo do mar, ese espazo de referencia na cultura galega que aparece recorrentemente noutras obras do autor (De Profundis, por exemplo, obra que el mesmo relaciona con esta en canto á súa orixe). Pero en Ardalén o fondo oceánico invade terra adentro grazas ao vento homónimo, e consegue non só encerellar os recordos dun home á marxe da realidade, senón tamén levar a quen le esta historia ata o universo de Fidel, cunha narración tan fluida como o universo mariño ao que se nos convoca dende as primeiras páxinas.

A presenza de materiais moi diversos (sentenzas, informes diversos, billetes de pasaxe, cartas...) algúns de carácter expositivo e científico, serve para darlle textura e corpo ao conxunto.

Ademais, a maneira en que se desenvolve a trama fíxonos pasar dun certo desconcerto con respecto ao que se narra, á dúbida, á incredulidade... ao incomprensible pero certo ("Que non comprendamos algo non significa necesariamente que non suceda", di Sabela, unha das personaxes).

Hai moitos outros aspectos reseñables nesta obra: a confluencia insospeitada de personaxes (Fidel e Sabela, unidos de xeito misterioso por dúas presenzas do pasado), o contraste entre o mundo onírico do náufrago en terra e a ruindade doutros personaxes da súa contorna, a referencia a tradicións e lendas (coma as dos tesouros agochados), pero tamén ao contexto vital e histórico de tantos galegos que tiveron que emigrar ao longo do último século.

En síntese, o autor consegue neste relato trasladar ao lector -enchendo a buguina de auga, coma nos versos de Manolo Rivas- ata o real marabilloso cunha creación orixinal, chea de tenrura e lirismo.

Nesta ocasión, os textos poéticos elixidos foron de Manuel María, moi en relación coa temática principal deste relato: foron o "Proverbio da memoria", "Pastoral" e "Palabras". Aquí quedan enlazados para que vos animedes a lelos.

A próxima xuntanza será o 2 de febreiro. Comentaremos Izan o da saca e Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, quen está previsto que nos acompañe.

 

 

Deputación de LugoDeputación da CoruñaConsellería de Cultura, Educación e Ordenación UniversitariaConcello de LugoConcello de OleirosFEADERagaderLEADERMinisterio de Agricultura, Alimentación y Medio AmbienteConsellería do Medio RuralTerras de Lugo