Alén de comentar "Darío a diario" e "Non te amola!"
Se hai días para a memoria, o pasado sábado 22 de maio foi un deles.
Na Chaira que cantou e á que fixo cantar Manuel María cadraron na mesma xornada dúas das súas manifestacións básicas: a reivindicación e a homenaxe.
A primeira delas, tivo lugar pola mañá, arredor da Torre de Caldaloba, onde se esixiu, unha vez máis, que ese espazo emblemático pase a titularidade pública e sexa posto en valor.
A homenaxe atopou oco nunhas horas despois, pola tarde, na Casa de Hortas, en Outeiro de Rei, onde o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María celebrou unha das súas sesións. Nela, ademais da actividade habitual de comentario de obras lidas -nesta ocasión Darío a diario e Non te amola!-, conmemorouse a figura de Xela Arias cun recitado dos seus versos, e doutras composicións xunguidas a eles.
O colectivo poético 'Case inéditas' iniciou así a súa andaina creativa e divulgativa, que incluiu a presentación do poemario "Flocos de millo", de Almudena Falcón Folgueira.
Medre a poesía e a memoria na Terra Chá!