Actividades

Nova edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Nova edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

07/01/2022

A Casa-Museo Manuel María vén de publicar as bases do certame 

As bases da Vª edición do Concurso escolar de videopoemas sobre composicións poéiticas de Rosalía e Manuel María son as seguintes:
OBXECTIVO
A Casa-Museo Manuel María organiza un concurso de videopoemas que ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento
e difusión da obra de Rosalía e Manuel María.
PERSOAS DESTINATARIAS
O concurso vai destinado a todo o alumnado galego de ensino non universitario a partir da ESO, podendo facelo tanto a nivel
individual como grupal.
CATEGORÍAS
Estabelécese unha única categoría que abranxe desde a ESO até segundo de Bacharelato, ESA e Ciclos Formativos.
TEMÁTICA
Os videopoemas consistirán nun vídeo baseado nunha composición poética en galego de Rosalía ou de Manuel María. O poema deberá aparecer nalgún momento do videopoema, ben sexa impreso, recitado ou en calquera outra opción que se considere.
FORMATO
Os videopoemas presentaranse en formato MP4 e non poderán superar os 3 minutos, incluídos créditos se os houber. As obras deben ser orixinais e inéditas. En caso de usar música, textos ou imaxes alleas, deberán ser materiais libres de dereitos de autoría.
PRAZOS
1.Os centros participantes deberán realizar a súa preinscrición antes do 20 de marzo. Deberán facela por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. A Casa-Museo confirmará ao centro a recepción da solicitude no prazo de 48 horas.
2. Os traballos serán enviados por calquera medio dixital á Casa- Museo Manuel María antes do 20 de abril, mais sempre deberá ser comunicado dito envío ao enderezo electrónico seguinte: contacto@casamuseomanuelmaria.gal
No corpo da mensaxe terán de sinalar o título do videopoema, a persoa autora ou autoras, o nome do centro educativo e os datos de contacto postal e de e-mail.
3. A Casa-Museo comunicará antes do 3 de maio os videopoemas seleccionados como finalistas.
O XURADO
A) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes e vencelladas ao ámbito da literatura e a creación
audiovisual.
B) O xurado fará a escolla dos videopoemas finalistas. Estes traballos seleccionados serán visionados na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei-Lugo) o día 14 de maio, nunha xornada pública en que poderán asistir todas as autoras e autores, así como as persoas que desexaren acompañalos. O formato deste acto poderá ser modificado en función do estado socio-sanitario na altura.
C) O xurado emitirá o ditame nese mesmo día e terá carácter inapelábel.
PREMIOS
O xurado estabelecerá os que, ao seu xuízo, son os dous mellores traballos presentados, atribuíndoselles como premio unha tablet para cada un. Os premios son únicos, independentemente do número de persoas que participen na realización dos videopoemas premiados.
Todas as persoas participantes que fosen seleccionadas para a fase final recibirán un diploma por participaren así como un libro de Manuel María.
OUTROS REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN
A) Cada concursante nomeado finalista que participe na fase final do día 14 de maio deberá enviar a autorización de pais/nais ou titores/as legais para a posíbel difusión da súa imaxe.
B) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na xornada final correrá por conta das súas familias ou titores/as legais.
C) As persoas participantes ceden de xeito gratuíto os dereitos de reprodución, comunicación pública e distribución do videopoema ou fragmentos do mesmo, co fin de que o videopoema poida ser divulgado e emitido a través da web e as redes sociais da Casa-Museo.
A participación no concurso leva consigo a aceptación destas bases, rexeitándose o videopoema que incumpra algunha delas. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das
bases corresponde á organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.