Actividades

Milesios en concerto na Casa-Museo Manuel María

01/04/2017 - Outeiro de Rei

Presentou o seu novo traballo "indoevindo" dentro do ciclo de concertos "De corazón a corazón. Concertos na intimidade"

Indoevindo, composto de 11 pezas nas que por vez primeira se introduce voz a catro delas, Milesios aposta en seguir afondando nas raíces comúns entre a música tradicional galega e irlandesa, como leva facendo desde o inicio da súa traxectoria en 2009. No concerto, ao igual que no disco, renderon un tributo a Manuel María, o poeta que situou literariamente a Terra Chá, ao musicar, nunha das pezas do disco, o seu poema Anceio, do libro Advento (publicado en Buenos Aires en 1954, o mesmo ano da publicación de Terra Chá).

Milesios agasallou a cada un dos asistentes ao concerto unha fotografía orixinal de Daniel Díaz Trigo, deseñador do libro que acompaña o CD, copiada con tintas pigmentadas en papel de conservación Hahnermühler Photo Rag Satin 310 gr. Cada fotografía de 10x15 cm. foi numerada e asinada polo autor.

Os “Concertos na intimidade: de Corazón a Corazón” son unha proposta musical que fai parte da programación cultural que periodicamente desenvolve a Casa-Museo Manuel María. Xogando coa atmosfera única que crea a estética do auditorio, emprazado na antiga palleira grande da casa natal do poeta, búscase ofrecer concertos en formato acústico que favorezan a máxima proximidade entre os artistas e o público asistente.

 

Concerto de Milesios na Casa-Museo Manuel María

Concerto de Milesios na Casa-Museo Manuel María

Casa-Museo Manuel María (2017)