Actividades

Manuel María na túa voz

Manuel María na túa voz

A Fundación Manuel María promoveu a lectura pública da obra de Manuel María o 23 de abril, Día Internacional do Libro, en distintas cidades e vilas de Galiza.

Manuel María, na túa voz pretendeu ter unha dimensión e repercusión importante por todo o país, unha homenaxe e celebración pública e popular en que “falese o propio Manuel María mediante a súa obra”. Obra que foi lida, recitada ou cantada polos seus destinatarios, o pobo galego, ao cal se lle fixo un convite aberto, por parte da Fundación Manuel María, para que acudise aos actos que se celebraron nas distintas localidades e gozase ben como lectores, ben como público.  

A Coruña, Vigo, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Xinzo de Limia, Lalín, Carballo, Barbadás, Betanzos, Brión, Vilalba, Outeiro de Rei, Monforte, Carral, Ortigueira, Rodeiro, Ribeira, Xermade, A Laracha, San Sadurniño, Guitiriz, Cedeira, Arteixo, Bueu, Boiro, Redondela, Cambre, Bandeira, Oleiros, A Pobra do Caramiñal, Cedeira, Lousame, A Bandeira, Santa Comba, Entrimo, Begonte… foron algunhas das localidades nas que se realizou esta actividade.

Ao mesmo tempo, e desde a páxina web da Casa-Museo, habilitouse un espazo para que non quedase ninguén sen participar nesta homenaxe. Animouse a todas as persoas que quixesen, nomeadamente aquelas galegas e galegos que moran fóra do país ou que non puidesen participar directamente na actividade, a que gravasen un video de non máis de minuto e quince segundos en que se lese ou recitase un poema ou un pequeno fragmento dunha peza teatral, dun artigo xornalístico ou dunha obra narrativa escrita por Manuel María e, posteriormente, o subisen á web. Todos os videos pódense ver a través da seguinte ligazóns: http://www.casamuseomanuelmaria.gal/manuel-maria-na-tua-voz/videos.htm