Actividades

"Mal de moitos", peza de Charlón e Sánchez Ermida, o próximo sábado, día 20, ás 20 horas

13/01/2018

O Grupo de Teatro da Sociedade Cultural Medúlio será o encarregado de a representar 

O próximo sábado, día 20 de xaneiro, ás 20 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, o Grupo de Teatro da Sdade. Cultural Medúlio de Ferrol, representará "Mal de moitos". Peza escrita polos actores, dramaturgos e membros da Irmandade da Fala de Ferrol, Euxenio Charlón e Sánchez Ermida e que foi representada por primeira vez o 29 de maio de 1915 no Teatro Jofre.

"Mal de moitos" recrea o diálogo entre un vello o e un mozo que volta á Terra despois duns meses na emigración, muda de lingua, viste de maneira ben rechamante e aparenta ser outra persoa.

Antes de se representar a peza, Francisco Rodríguez, ensaísta, membro do Padroado da Fundación Manuel María e director da obra, fará unha pequena introdución e contextualización do Teatro das Irmandades.
 
A entrada é de balde.