Actividades

"Mais ao que ben quixo un día...", de Raquel Álvarez, e "Un pesadelo ao que chamaban vida" de Nehuen Márquez e Álvaro Pan, videopoemas gañadores do Concurso sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

11/05/2019

O xuri outorgou unha mención de honra ao videopoema "Xa nin rencor, nin desprezo", de Alba Rocha e Micaela López 

Raquel Álvarez Prieto, co videopoema “Mais ao que ben quixo un día...”, e Nehuen Márquez e Álvaro Pan, co videopoema “Un pesadelo ao que chamaban vida”, veñen de seren os gañadores da IIIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María
Raquel Álvarez Prieto co videopoema “Mais ao que ben quixo un día...” e Nehuen Márquez e Álvaro Pan co videopoema “Un pesadelo ao que chamaban vida” veñen de seren os gañadores da IIIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.
O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema “Mais ao que  ben quixo un día...” o enorme traballo que supón facer un stop motion, dando como froito unha curta onde se harmonizan o bo ritmo intrínseco e a bela plasticidade no movemento das súas figuras. Canto ao outro gañador, o videopoema “Un pesadelo ao que chamaban vida”, o xurado xustifica o premio por reflectir de maneira artística a linguaxe audiovisual, cunha boa posta en escena, e moi boa interpretación de actrices e actores, conseguindo darlle forma a esas experiencias (o acoso escolar) que terminan na destrución da persoa. 
O xurado tamén outorgou unha mención de honra ao videopoema realizado por Alba Rocha e Micaela López, “Xa nin rencor, nin desprezo”. Deste traballo, o xurado salientou o ritmo da montaxe, os seus efectos de postprodución e a máis que meritoria coreografía das actrices. 
Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta terceira edición que se cerrou no día de hoxe participaron un centenar de alumnas/os de distintas localidades galegas  (Rianxo, Monforte, Lugo, Guitiriz, A Coruña, Fene, Narón, Portas, Mesía e Ribadumia).  
A Casa-Museo Manuel María parabeniza a todos os concursantes no certame, agradece a colaboración das familias e, sobre todo, a estimábel axuda do profesorado implicado dos distintos centros educativos participantes.

 

Galería de vídeos