Actividades

Lucecús Teatro representa o sábado 26 "Os libros contraatacan"

Lucecús Teatro representa o sábado 26

16/10/2019

Unha comedia para público infantil a partir de 6 anos

O sábado 26 de novembro, e dentro do ciclo Proscenio, promovido pola Deputación de Lugo, o auditorio da Casa-Museo Manuel María acolle a representación de "Os libros contraatacan" de Lucecús Teatro. Unha comedia dirixida para o público infantil a partir de 6 anos e que ten a seguinte reseña:

Unha loita entre o ben e o mal. Os libros e os que habitan neles debátense entre facer o ben ou pasarse ao lado escuro. Na biblioteca da Academia Jedi, un estudante queda pechado e esquecido pola noite. O que alí faga, rodeado de libros, marcará o seu destino para sempre. Xogos, falcatruadas, cancións e moito conto serán os seus compañeiros de viaxe. O protagonista Anakin, grazas ao seu encerro e coa axuda dos libros e das leccións dos seus mestres Jedis, sempre baseadas en contos e lendas, tratará de atopar unha solución á súa situación. Esta peza, fala do dereito a ser diferente e da dificultade de facelo, dos límites entre o ben e o mal, de como hai cousas que escapan ao noso control e sobre como poden marcar o noso percurso vital. Que está ben? Que está mal? Onde está a diferenza? O que é malo para nós pode ser bo para outros e viceversa? Como inflúe en nós o xeito en que nos tratan os demais? 

A entrada é libre até esgotar a capacidade do local mais é preciso reservar a entrada en contacto@casamuseomanuelmaria.gal