Actividades

"Fontán" e "O último barco" foron obxecto de comentario na última sesión do Clube de Lectura

07/10/2019

"Eroski Paraíso" de Chévere Teatro será a próxima lectura a comentar

Achégase a última reseña da sesión-comentario, sábado 28 de setembro, de Fontán, de Marcos Calveiro e d’O último barco, de Domingo Villar.


Despois duns meses sen xuntarnos, fixemos sesión dobre de comentario destas dúas obras cuxas páxinas percorremos no verán. Aínda que argumentalmente diferentes, coinciden na brevidade dos capítulos, o que axilizou a súa lectura. Por unha parte, avanzábamos pouco a pouco no coñecemento da peripecia de Domingo Fontán para realizar a primeira carta xeográfica de Galiza, tarefa inxente que lle levou case dúas décadas; e por outra, iamos aos poucos compoñendo tamén o mapa mental da desaparición de Mónica, seguindo as pegadas do inspector Leo Caldas.
Comezamos coa novela de Marcos Calveiro, aproveitando para facermos unha contextualización histórica da súa figura e poñendo en valor a tarefa cartográfica que desenvolvou á altura da primeira metade do s. XIX. Malia atoparmos certa dificultade para avanzar nos epígrafes de contido máis técnico, o relato resultou agradecido de ler, sobretodo pola súa estrutura. As ideas que callaron en nós con máis forza, pola súa vixencia, foron a relevancia do territorio (e da idea mental que temos del) para a identificación dun colectivo; a loita constante entre a vontade persoal de levar adiante un proxecto único e os numerosos atrancos burocráticos que lonxe de contribuír á súa materialización, dificultan todo o proceso. E aínda nos deu para falar das relacións familiares, sociais e institucionais na época, que aparecen reflectidas con certo detemento (no que se refire ás clases privilexiadas), así como de abordar máis polo miúdo capítulos que nos resultaron especialmente atractivos.
Logo tocou comentar a trama policíaca de Domingo Villar, na que foron inevitables as alusións  a Ollos de auga e A praia dos afogados, obras previas do autor. En canto ao desenvolvemento argumental, houbo coincidencia en atopalo algo descompensado, menos logrado que nas outras novelas do inspector vigués; algunhas das lectoras mesmo atoparon o final precipitado na resolución, excesivamente abrupto, mentres que para outras foise facendo evidente cara a onde se encamiñaba. Os aspectos máis valorados desta historia detectivesca cuxo título deriva da peripecia sentimental do personaxe principal (con máis protagonismo que nas entregas anteriores) e non da investigación que desenvolve, foron: a ambientación xeográfica na contorna de Vigo/Cangas, a ollada debruzada ao ambiente dunha escola de Artes e Oficios nun contexto urbano-capitalista, e a profundidade no tratamento de certos personaxes secundarios. Isto último, combinado coa introdución de algunhas pingas de crítica socio-cultural que incitan á reflexión sobre a realidade galega contemporánea, apórtanlle ao conxunto un ton dramático, por veces mesmo lírico. Coincidimos en que non por iso resulta a lectura densa, mantense a fluidez narrativa -de novo baseada na brevidade das secuencias-, aínda que as definicións que encabezan cada capítulo non foron igual de ben vistas por todas nós.
Na liña de lecturas de investigación de crimes, houbo referencias ás novelas de Camilleri e de Mankell, dous clásicos contemporáneos deste xénero, porén seren propostas bastante diverxentes.
Os versos que acompañaron esta reunión foron "Galiza" de Manuel María -non podía ser doutro xeito, habida conta de que tiñamos o texto xusto a carón dunha réplica do mapa de Fontán na Casa-Museo do poeta-, "Penélope" de Díaz Castro -pola súa visión desta terra en permanente avance-retroceso-, e "Ulises", de Claudio Rodríguez Fer, poema que establece un diálogo textual coa composición do poeta guitiricense.
A seguinte xuntanza está prevista para o 9 de novembro, e nela comentaremos Eroski Paraíso, de ChévereTeatro.