Actividades

Este sábado proxéctase na Casa-Museo Manuel María o documentario "Tecido Resistente"

Este sábado proxéctase na Casa-Museo Manuel María o documentario

04/03/2019

Recupera a historia dos centos de mulleres que protagonizaron “unha silenciosa revolución” na vila de Présaras (Vilasantar) nos primeiros anos do século XX

O sábado día 9 de marzo, ás 20 hrs, após a xornada reivindicativa do Día internacional da muller, a Casa-Museo Manuel María proxecta Tecido Resistente, un documentario de Marina Chiavegatto que foi o gañador, en 2018, do I Premio Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade convocado pola Deputación da Coruña. 
O documental recupera a historia dos centos de mulleres que protagonizaron “unha silenciosa revolución” na vila de Présaras (Vilasantar) e que mudaron a economía e a organización social de toda unha comarca nos primeiros anos do século XX. Traballaban na fábrica Hilados y Tejios de Vilansantar e co diñeiro que gañaban encargábanse de manter a economía familiar. O salario que recibían era algo máis que só un feixe de billetes: era a súa independencia, o empoderamento feminino antes incluso de que ese concepto chegase a Galiza. 
Milagros, Carmen, Lola, María e Julia son as protagonistas desta historia. A través delas e da súa memoria recupérase como era a vida en Présaras (e en toda a comarca) a principios do século pasado. “Aquí eran as mulleres as que gañabamos os cartos”, resume Julia Tojo. “A nós ningún home nos dicía como debiamos gastar o noso diñeiro”, engade Milagros. Falan con orgullo daquela época, uns anos en que Présaras era unha vila “moi avanzada para o seu tempo”. Chegou a ter 11 comercios de ultramarinos, 2 médicos e incluso un cuartel propio da Guarda Civil. Mais en 1962 Hilados y Tejidos de Vilasantar ardeu. A fábrica pechou e centos de mulleres quedaron sen soldo. Moitas familias tiveron que marchar da vila para buscar traballo e “Présaras foi morrendo”. Mais elas, as protagonistas desta historia, nunca deixaron de traballar porque, como elas mesmas afirman, desde pequenas aprenderon a importancia e o valor da súa independencia. 
Tras a proxección de Tecido Resistente, de 40 minutos de duración, haberá un coloquio coa súa directora, Marina Chiavegatto. Brasileira de nacemento, portuguesa de crianza e galega de adopción, Marina é xornalista e traballou en varios medios de comunicación, desde hai oito anos dedícase ao audiovisual e á comunicación dixital e actualmente é xestora de contidos dixitais para distintas marcas. Foi codirectora do documental “I ante aquel silencio mudo: Rosalía e Cantares Gallegos” e ten varias curtametraxes premiadas 
A ficha técnica da proxección é a seguinte: dirección (Marina Chiavegatto); edición (Marina Chiavegatto e Millán Castro); fotogra[ía (J.S. Raimundi); posprodución imaxe (Millán Castro); e posprodución son (Alberto Blanco). 
A entrada para ver o documental é libre até encher o aforo e pode reservarse en  contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621.