Actividades

O Clube de Lectura da Casa-Museo comenta "Eroski Paraíso" de Chévere

O Clube de Lectura da Casa-Museo comenta

15/11/2019

Reseña da súa última sesión que se cerrou con poemas de Paco Souto e Marilar Aleixandre

Eroski Paraíso de Chévere.

Unha tardiña máis na Casa Museo Manuel María partillamos a nosa experiencia lectora, neste caso dun texto teatral cuxa versión cinematográfica está a piques de estrearse.
 
A obra resultou moi interesante, tanto para quen xa a vira representada coma para quen non tivera esa ocasión. Nela reflíctese a transformación da sociedade galega contemporánea. Pártese do particular, unha historia familiar cunha localización xeográfica moi concreta, pero o argumento é universal, pois o relato da evolución dos espazos e a forma de vida pódese trasladar a calquera vila (de feito, puxemos varios exemplos de antigas salas de festas que na actualidade son locais de venta de mercadoría ao público).
 
En canto á estrutura, houbo quen "viu" perfectamente o desenvolvemento da peza no seu maxín, e houbo quen confesou ter tido certa dificultade para imaxinar as secuencias, talvez pola superposición das actividades vencelladas á gravación dun documental na propia trama. Este elemento escénico engadido dispersa a atención da narración dos feitos fundamentais, que ten lugar a través dos diálogos.
 
Esta presenza da ficción dentro da ficción e a combinación de distintas linguaxes artísticas (filmografía, teatro, fotografía) contribúen a encerellar unha historia aparentemente sinxela na que se cuestiona se a situación actual supuxo unha mellora con respecto ao anterior. Non en van unha das nosas lectoras abriu a rolda de intervencións invitando á reflexión en relación coa idea de que o paraíso (a día de hoxe) era o consumismo.
 
Tense considerado Eroski Paraíso como unha mostra do teatro social contemporáneo. Estivemos de acordo na existencia neste texto dunha crítica de distintos aspectos da nosa sociedade: a denuncia da emigración galega xeración tras xeración (exemplificada na familia protagonista), a evidencia do desapego cara á cultura e a lingua propias (presentado en escena mediante o realismo lingüístico), e o alleamento derivado dese desleixo pola orixe, que se manifesta nun dos personaxes femininos. A súa visión contrasta coa da filla e coa do que fora o seu home, que lle dan outro valor á realidade que viven/viviron. Isto non só conleva o pluriperspectivismo, senón que tamén amosa a dicotomía home-muller en distintas cuestións, nomeadamente na interpretación do mundo: aínda sendo da mesma xeración a actitude vital é moi diferente, condicionada polo tipo de educación recibida.
 
Esta obra é unha elexía a un tempo (e un espazo) perdido, que queda simbolizado polo "Paraíso". O ton elexíaco resulta moi evidente na secuencia final, na que de novo quedan fanadas as expectativas dun personaxe (o pai) ante a imposibilidade de recuperar o esquelete do edificio familiar, ao tempo que a trama se pecha dun xeito que non era o previsto pola autora do documental.
 
Desta volta os poemas que pecharon a sesión foron "baixaron" de Paco Souto (e Caín) e "sería mellor non saber?" de Marilar Aleixandre (Mudanzas e outros velenos).
 
Volveremos xuntarnos o 14 de decembro, data na que comentaremos Desconhecido, de Berlai, aproveitando ademais a presenza do propio autor, que ofrecerá un concerto ese día na Casa-Museo. Trátase dunha proposta que combina o debuxo, a poesía e a música. Non volo perdades!