Actividades

Convócase a II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Convócase a II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

05/12/2017

A Casa-Museo Manuel María vén de convocar a II edición do concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María. Certame dirixido ao alumnado galego de ensino non universitario a partir da ESO e que terá a súa fase final o 19 de maio no auditorio da propia Casa-Museo, en Outeiro de Rei.

As bases polas que se guiará este concurso serán as seguintes: 

OBXECTO

O concurso ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía e Manuel María. 


PERSOAS DESTINATARIAS
O concurso vai destinado a todo o alumnado galego de ensino non universitario a partir da ESO podendo facelo tanto a nivel individual como grupal.


CATEGORÍAS
Estabelécese unha única categoría que abranxe desde a ESO até segundo de Bacharelato, Ciclos Formativos e Ensinanzas Artísticas.


TEMÁTICA
Os videopoemas consistirán nun vídeo baseado nunha composición poética en galego de Rosalía ou de Manuel María. O poema deberá aparecer nalgún momento do videopoema, ben sexa impreso, recitado ou en calquera outra opción que se considere. 


FORMATO
Os videopoemas presentaranse en formato MP4 e non poderán superar os 3 minutos, incluídos créditos se os houber.
As obras deben ser orixinais e inéditas. En caso de usar música, textos ou imaxes alleas, deberán ser materiais libres de dereitos de autor. 


PRAZOS 
1. Os centros participantes deberán realizar a súa preinscrición antes do 24 de marzo. Deberán facela por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. A Casa-Museo confirmará ao centro a recepción da solicitude no prazo de 48 horas.
2. Os traballos serán enviados por calquera medio dixital á Casa-Museo Manuel María antes do 21 de abril, mais sempre deberá ser comunicado dito envío ao enderezo electrónico seguinte: contacto@casamuseomanuelmaria.gal
No corpo da mensaxe terán de sinalar o título do videopoema, a persoa autora ou autoras, o nome do centro educativo e os datos de contacto postal e de e-mail.
3. A Casa-Museo comunicará antes do 4 de maio os videopoemas seleccionados para a súa proxección na Casa-Museo.  

O XURADO
A) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes e vencelladas ao ámbito da literatura e a creación audiovisual.
B) O xurado fará a escolla dos videopoemas finalistas. Estes traballos seleccionados serán visionados na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei-Lugo) o día 19 de maio, nunha xornada pública en que poderán asistir todas as autoras e autores.
C) O xurado emitirá o ditame nese mesmo día e terá carácter inapelábel.


PREMIOS
Concederanse premio aos dous mellores videopoemas do concurso, segundo o ditame do xurado emitido o día da súa celebración, que consistirán nunha tablet. Os premios son únicos, independentemente do número de persoas que participen na realización dos videopoemas premiados. 
Todos os participantes que fosen seleccionados para a fase final recibirán un diploma por participaren así como un libro de  Manuel María.


OUTROS REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN
A) Cada concursante nomeado finalista que participe na fase final do día 19 de maio deberá enviar a autorización de pais/nais ou titores/as legais para a posíbel difusión da súa imaxe.  
B) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na xornada final correrá por conta das súas familias ou titores/as legais. 
C) As persoas participantes ceden de xeito gratuíto os dereitos de reproducción, comunicación pública e distribución do videopoema ou fragmentos do mesmo, co fin de que o videopoema poida ser divulgado e emitido a través da web e as redes sociais da Casa-Museo.


A participación no concurso leva consigo a aceptación destas bases, o incumprimento dalgunha implicará a non aceptación do videopoema. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.