Actividades

O Clube de Lectura Casa-Museo Manuel María, nova proposta da Casa-Museo

O Clube de Lectura Casa-Museo Manuel María, nova proposta da Casa-Museo

01/02/2018

A actividade lectora, aberta a todas as persoas interesadas en participaren, terá o seu primeiro encontro o venres 16 de febreiro

A Casa-Museo Manuel María non só ten a encomenda de gardar e mostrar debidamente o importantísimo legado do escritor chairego, mais tamén a de levar a cabo todo tipo de actividades que lle dean continuidade ao incansábel labor de dinamización cultural que o poeta levou a cabo durante toda a súa vida.


É por iso que neste ano 2018 a Casa-Museo quere que o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María inicie a súa actividade.


As persoas interesadas en participaren (ou en teren máis información ao respecto), han de enviar un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal indicando o seu nome e mais un e-mail de contacto. Terase en conta a orde de inscrición se o número de solicitudes for superior ao de participantes.


No venres 16 de febreiro, ás 19h00, terá lugar unha xuntanza de presentación na Casa-Museo (Outeiro de Rei, ao lado do concello), onde se desenvolverán habitualmente as sesións de comentario das obras. Nesta primeira xuntanza serán concretados algúns aspectos do funcionamento desta proposta lectora.