Actividades

Caamaño&Ameixeiras presentan "Aire!" na Casa-Museo Manuel María

Caamaño&Ameixeiras presentan

23/05/2021

Será este sábado, día 29, ás 19 hrs

Este sábado, día 29 de maio, ás 19 hrs, Caamaño&Ameixeiras presentan na Casa-Museo Manuel María  o seu primeiro traballo Aire!

Caamaño&Ameixeiras é un dúo ligado á música e ao baile de raíz. Formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) en 2018, acumula, na súa curta pero intensa traxectoria, un gran número de concertos, tanto dentro de Galiza, como no ámbito internacional.

De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal coidadosamente escollido, Caamaño&Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a súa propia linguaxe, con composicións e arranxos personais e íntimos que manteñen a esencia do popular mais incorporan recursos contemporáneos.

Aire! é o seu primeiro traballo discográfico, producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz, onde contan con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana.

Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete 5 euros.

A foto que acompaña esta nova é de Leticia G. Blanco.