Actividades

Berlai presenta en concerto "Estampas Galegas"

Berlai presenta en concerto

29/11/2023

Este sábado, 2 de decembro, ás 20 h 

 

A Casa-Museo Manuel María acolle, este sábado, día 2 de decembro, ás 20 hrs, un concerto de Berlai, proxecto musical creado por Xiao Berlai, que xunto á súa banda, presenta Estampas Galegas. Un conxunto de cancións baseadas en experiencias vitais ou reflexións sobre a Galiza de hoxe cheas de provocación, retranca e franqueza.
 
Estampas Galegas é o último traballo de Berlai após Desconhecido (2016) e Cas Berlai (2020) e está publicado en formato libro-disco (editado por Através Editora) onde mistura música, pequenos relatos e ilustracións, estas últimas da autoría de Leandro Lamas.
 
Xiao Berlai (guitarrista, mandolina e voz) estará acompañado este sábado por Iago Mourinho (piano), Bruno Couceiro (batería) e Pablo Sanmamed (baixista) que interpretarán as dez cancións do traballo onde contan distintas historias como unha tenda de roupa chamada "home" que nin sequera vende calzóns; a experiencia de ser pai e vivir a imposición de xénero da sociedade ao fillo que acaba de nacer; a progresiva castelanización do galego; a reivindicación do acento galego nas producións audiovisuais a través da figura de Arale; a fantasía dunha Rosalía liderando o pobo na revolución galega...
 
Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621