Actividades

"As estacións do lobo" de María Raimóndez. Reseña da última sesión do Clube de Lectura

29/01/2020

O sábado 18 de xaneiro esta manda de lectoras atopou acubillo na biblioteca da Casa Museo para falar do quinto volume do "Ciclo dos elementos". Outras historias precedentes desta saga ouvearon tamén con forza alí, pois a proposta era ler As estacións do lobo e algún outro título da serie, nunha escolla libre e persoal, para poñer despois en común a experiencia. En vías de extinción -orixe do ciclo- e As cousas que non queremos oír -cuarta entrega, parcialmente ambientada en Vilalba- foron as preferidas como lectura complementaria.

O universo narrativo destas novelas constrúese ao redor dun grupo de personaxes que van entrecruzándose e fiando unha rede afectiva entre elas; cada volume ten unha protagonista diferente e unha trama argumental independente, o que permite a lectura "por solto". Porén, a suma de todas ofrece unha caleidoscópica imaxe de conxunto.

A mesma escea vista desde varias focalizacións -segundo quen a relata- é un dos grandes logros estruturais desta saga, xunto coa variable pero recurrente presenza das personaxes principais, que ao non teren o mesmo protagonismo en todas as obras, diversifican o relato e o interese de quen o le.

Na Casa-Museo debullamos a escea de Nadal en Castelldefels (verdadeiro punto de inflexión nesta novela, e posiblemente tamén na anterior), e a entrevista televisiva a Gaia, na que se autoafirma en público tal cal é ("Si, son excéntrica, e non creo que haxa millor maneira de ser"), ao tempo que serve de referente vital para outras protagonistas, que se atopan en situacións persoais cruciais.

No "Ciclo dos elementos" a autora segue coa súa teima de contar as outras historias, de facer oco na literatura para as voces que ficaron nas marxes dun sistema que reproduce con excesiva fidelidade a estrutura social tradicional dominante. Nesa xeira de crear novos referentes literarios e vitais Gaia, Saínza, Manimekalai (MK), Aurora, Clara... resultan figuras fundamentais porque entretecen as súas vidas creando un espazo de libertade e apoio mutuo, en consonancia coa teoría dos afectos: as relacións interpersonais deben ser elixidas, non vir impostas por parentesco ou pertenza a unha comunidade específica. Esta idea aparece reflectida no ciclo ás veces coa imaxe dunha arañeira, outras coa dun bosque con raíces entrecruzadas (baseado no eixo central: Gaia, muller-árbore-raíz unida á terra) e, no caso de As estacións do lobo, coa dunha manda solidaria.

A referencia simbólica -mesmo totémica- á liberdade salvaxe que representa o lobo serve para estruturar a obra, que reivindica a necesidade de rebelarse ante a opresión da sociedade -de feito, intercálanse ás veces anacos dun manual de "desadestramento canino", con información trasladable aos bípedes sen dificultade: hai que aprender a desaprender a domesticación que nos foi imposta.

Clara, a protagonista -e autora dese manual metaliterario para desadestrar cans- vaise descubrindo a si mesma ao longo da novela: pasa dunha situación de extrema vulnerabilidade (desapego familiar e illamento absoluto -"queimara todas as pontes", di-, engaiolada nunha relación destrutiva que se converte nun nobelo a piques de afogala) a unha situación de éxito profesional e persoal, grazas a dar de fuciños cun inesperado punto de apoio para tirar cara adiante. Nese carreiro estreito cara ao autocoñecemento, construirá a súa identidade e irá tecendo a súa propia rede de afectos.

Máis aló da maior o menor verosimilitude da impresionante evolución da situación vital de Clara -aspecto que deu pé a moito debate, a partir das propias experiencias de cadaquén ao respecto- e do predominio das relacións policéntricas -que tamén deu ben que falar-, fomos quen de percorrer da man da protagonista o Lugo dos 90 -Múnic énos máis alleo-, envolto na néboa máxica do inverno.

As estacións do lobo gustou, mesmo a quen tivo os seus máis e os seus menos coa personalidade de Clara, que non é Gaia, por suposto. Ningunha outra personaxe o é: Gaia só hai unha. No "Ciclo dos elementos" latexa a súa perigosa mensaxe transformadora: "Serás a semente que ti decidas ser".

Completamos a xuntanza cos poemas I e III de Moda galega, xa que nalgún momento a conversa derivou cara ao excesivo consumismo que nos envolve na actualidade.

Volveremos xuntarnos o 7 de marzo para falar de Circe ou o pracer azul, de Begoña Caamaño. E o 7 de febreiro vémonos no Vello Cárcere na presentación do "Ciclo dos elementos" e As estacións do lobo! Lembrade que hai opción de roteiro o sábado 8 pola mañá, en Lugo (formulario para se inscribir no roteiro https://forms.gle/32x9AJvKo6Lw2Ssm7)