Actividades

A última sesión do Clube de Lectura da Casa-Museo foi sobre o libro de Inma López Silva "Chámame señora, pero trátame como a un señor"

A última sesión do Clube de Lectura da Casa-Museo foi sobre o libro de Inma López Silva

06/04/2019

Reseña da 8ª sesión-comentario: Chámame señora, pero trátame como a un señor (6-4-2019)

Onte falamos, entre outras cousas, de feminismo: non podía ser doutro xeito tras a lectura desta obra de Inma López Silva, que foi a nosa primeira incursión no xénero ensaístico.

Aínda que houbo a quen non acabou de encherlle o ollo, en xeral gustou, e deu moito xogo para debater contrapoñendo ideas propias coas defendidas pola autora, pero tamén para exemplificar coa propia experiencia moitas das súas conclusións, que tamén viñan sendo as nosas.

Neste libro entretécense anécdotas persoais coa reflexión ao respecto de múltiples cuestións da vida cotiá dunha escritora, sen que por iso nos soen alleas, pois son manifestacións específicas dunha única realidade: a discriminación habitual cara á muller en moi distintos ámbitos e o rexeitamento social das que manifestan menos sometemento ao sistema (xeralmente, as feministas).

É unha obra de doada lectura, precisamente por esa combinación da narración e da argumentación. A autora amosa a situación das mulleres no mundo da cultura galega, denuncia a hostilidade que atopan en canto aos recoñecementos públicos (premios, postos nas institucións) e defende a necesidade de atopar a propia voz -esa que ela manifesta cun ton contundente, tallante, por veces ao borde da soberbia para algunha das lectoras. Tamén achega un abano de referencias feministas contemporáneas, coas que pretende superar a teoría da habitación propia de Virginia Woolf que ao seu entender só serve para deixarnos na casa, cun espazo propio, si, pero dentro do ámbito privado.

Apartados especialmente comentados foron os que se referían á redución da linguaxe das mulleres a unha sorte de "maternalés" infantilizado e á cuestión da maternidade (xa abordada na súa obra Maternofía), como algo moi diferente á culminación da realización persoal das mulleres e non necesariamente un estado de suprema felicidade, lonxe do que se nos tentou vender dende a noite dos tempos. Houbo unha coincidencia unánime de todas nós coas súas ideas nestas cuestións.

Tamén concordamos en que o feminismo hoxe molesta porque propón un cambio radical, unha verdadeira revolución, e iso esperta os mecanismos de defensa do sistema vixente, que quere perpetuarse, e mesmo conta cun bo número de mulleres que, malia teren sufrido ao longo das súas vidas as consecuencias derivadas da opresión do patriarcado, se amosan partidarias del.

Resultou duro recoñecer ás veces en nós mesmas perxuízos machistas ao enfrontarnos con esta obra, pero permitiunos confirmar que o feminismo, tanto para as mulleres coma para os homes, supón un cuestionamento permanente da actitude vital e da realidade diaria na que vivimos.

Desta volta, iniciamos a sesión co poema "Cinco mil anos" de Marta Dacosta, publicado no libro Homenaxe a Begoña Caamaño e absolutamente acaído co que se falou despois.

A próxima xuntanza fixouse para o 11 de maio, e nela comentaremos Resistencia, de Rosa Aneiros.