Actividades

"A gente da Barreira" de Ricardo Carvalho Calero última sesión do clube de lectura antes da pausa do verán

11/07/2020

 
A piques de comenzar o verán, xuntámonos de novo na horta da Casa-Museo para comentar A gente da Barreira, de Ricardo Carvalho Calero. Tiramos moito proveito da posta en común, sobre todo en relación co texto introdutorio de Pilar García Negro, na edición da AS-PG.
Esta obra, publicada en 1951, supuxo naquela altura unha nova xeira para a narrativa en galego, ao ser a primeira novela publicada na nosa lingua na posguerra. Dous anos antes, resultara gañadora dun certame literario no que foi o único texto presentado que non estaba en castelán. Isto serve abondo para contextualizala e para poñela en valor como fito histórico; porén, encheunos o ollo por outras cuestións que van máis aló da cronoloxía da súa escrita e do momento de publicación.
Resultounos unha lectura agradecida, coa súa estrutura en pequenos elos argumentais, significativos e ben artellados, que conforman un mosaico da decadencia dunha linaxe da fidalguía galega ao longo do s. XIX; se ben en canto ao contido remite a Os camiños da vida, difire notablemente da obra de Otero Pedrayo no ritmo do relato, pois o ferrolán desenvolve a trama apoiándose na elipse temporal máis que no desenvolvemento dos feitos. Iso si, a calidade da súa prosa non nos deixou indiferentes: as lectoras concordamos no nivel de esixencia que supuxo seguirlle o fío ao xeito requintado de escribir de Carvalho Calero, unha forma de expresión que se xa esvaeceu no tempo. 
Tamén coincidimos en pór en relación o esmorecemento da familia que da nome á novela, ao longo de varias xeracións, contraposto ao ascenso doutros grupos sociais, co desleixo progresivo cara á terra, o abandono do ámbito rural e a fuxida aos espazos semiurbanos. Dalgunha maneira, representa toda a evolución do país, tentando medrar de costas á súa principal fonte de recursos.
A árbore xenealóxica dos Frade, eixe central da narración aínda deu ben que falar, pero foron as mulleres, membros ou non desa estirpe, perfectamente individualizadas e caracterizadas con suficiente profundidade, as personaxes que nos impresionaron máis nunha obra de finais dos anos corenta; sorprendeunos tamén o tratamento que reciben por parte da voz narradora e o protagonismo radical da súa realidade vital nalgunhas secuencias, entre as que cómpre salientar 'A filla do achego' e o capítulo final, no que unha descendente bastarda, sempre ao servizo da casa, sente máis a perda dese espazo referencial que os propietarios que a abandonan á súa sorte por non ser quen de sostela. 
Isto tamén entronca con outra cuestión relevante na historia: as relacións que se establecen entre as sucesivas xeracións fidalgas e as persoas que traballan a cotío para elas; amósase ben de que maneira vai mudando esa familiaridade segundo a orixe das que casan cos morgados da Barreira. 
Como vén sendo habitual, a conversa virou ao final cara cuestións aínda próximas á nosa experiencia vital, como as vodas de viúvos/as con irmás/irmáns da parella precedente, fórmula para evitar a dispersión da herdanza e para a segurar a crianza dos descendentes por parentes directos.
Pechamos a sesión lendo uns versos do mesmo autor, do poema 'Como puidemos viver', que sentimos moi acaídos para trasladalos á actualidade.
Establecéronse como lecturas de verán O hibisco púrpura, de Chimamanda Nogzi e Todo canto fomos de Xosé Monteagudo. A data prevista para a próxima xuntanza sería o 19 de setembro. 
Algo despois, comezará tamén a actividade do Club de Lectura Xuvenil, para o que haberá unha convocatoria a finais de verán. Estade atent@s se tedes interese en participar!
Para a rapazada as primeiras propostas son 4_xinetes, de Anxo Fariña e Unha estrela no vento, de Ledicia Costas.