Actividades

A Casa-Museo Manuel María convoca máis unha edición, a sexta, do Concurso de recitado poético "Rosalía sempre viva"

A Casa-Museo Manuel María convoca máis unha edición, a sexta, do Concurso de recitado poético

14/11/2019

Os centros educativos teñen até o 27 de xaneiro para se inscribir no certame

A Casa-Museo Manuel María convoca máis unha edición, a sexta, do Concurso escolar de recitado poético “Rosalía sempre viva”. Segundo as bases que se veñen de publicar, os centros educativos teñen até o 27 de xaneiro para se inscribir nun certame que o ano pasado reuniu en Outeiro de Rei máis de un centenar de alumnado de toda a xeografía galega.

Centrado no recitado de versos da obra en galego de Rosalía ou da ampla produción poética de Manuel María, o concurso escolar ten como obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesia de dúas das voces máis importantes e populares da literatura galega. 

A fase final do certame, dirixido a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato e Ciclos Formativos, celebrarase no auditorio da Casa-Museo Manuel María o 14 de marzo do próximo ano e as bases son as seguintes:

A Casa-Museo Manuel María convoca o Concurso de recitado de poesía destinado ao alumnado de ensino non universitario sobre poemas de Rosalía e Manuel María.
BASES
1.- OBXECTIVO
Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.
 2.- PERSOAS DESTINATARIAS
O concurso ten carácter individual e vai destinado a todo o alumnado galego de Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. No caso do alumnado de primeiro e segundo curso de primaria tamén poderán participar en grupo. 
3.- CATEGORÍAS
Estabelécense as seguintes categorías: 
Primeira categoría: 1º, 2º e 3º curso de primaria.
Segunda categoría: 4º, 5º e 6º de primaria. 
Terceira categoría: Educación secundaria. 
Cuarta categoría: Bacharelato e Ciclos Formativos.
4.- FASES
Contémplanse dúas fases:
    • Fase de centros:
a) Será organizada por cada centro aténdose unicamente ás bases e condicións que cada un deles estabelecer.
b) Cada centro seleccionará un máximo de 2 alumnos/as por categoría para a súa participación na segunda fase. Na categoría de 1º e 2º curso de primaria poderase seleccionar un grupo (toda a clase ou parte dela), sempre que na segunda fase recitaren un único poema en acto único. 
    • Fase final:
a) Nesta fase participarán aqueles/as alumnos/as que foren seleccionados/as na primeira fase. 
b) Consistirá no recitado dunha única poesía escollida libremente de entre a obra en galego de Rosalía ou de Manuel María.
c) Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade. Tamén se valorará a súa memorización e o seu nivel de dificultade.
5.-PRAZOS
    1. Os centros participantes deberán facer a súa preinscrición antes do 27 de xaneiro de 2019. Pódeno facer por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. A Casa-Museo confirmará ao centro a recepción da solicitude.
    2. En función do número de preinscritos, a organización comunicará aos centros o número de alumnos/as que poden participar na fase final en cada unha das categorías. 
    3. Os centros deberán comunicar á Casa-Museo antes do 27 de febreiro o nome dos/as alumnos/as que participan en cada categoría e o poema que recitarán. 
6.-FASE FINAL
A fase final celebrarase na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei – Lugo) o sábado 14 de marzo. 
7.-O XURADO
a) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades. Actuará como secretaria unha persoa representante da Casa-Museo Manuel María. 
b) O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso e terá un carácter inapelábel. 
8.-PREMIOS
a) Os premios na primeira fase, caso de os haber, serán determinados e patrocinados por cada centro. 
b) Na segunda fase concederanse catro premios, un por cada categoría, consistentes nun dispositivo electrónico multimedia de uso persoal. Alén disto, recibirán un diploma individual que acredite o premio. 
c) O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo neste caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros. 
d) Todos e todas as concursantes da fase final recibirán un diploma acreditativo de teren participado no Concurso. 
9.-OUTROS REQUISITOS PARA PARTICIPAR NA FASE FINAL
a) Cada persoa participante deberá enviar a autorización de pais/nais ou titores/as legais para a filmación da proba e posterior divulgación. 
b) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na fase final correrá por conta das súas familias ou titores/as legais. 
A participación no concurso leva consigo a aceptación destas bases.