Actividades

A Casa-Museo Manuel María conmemora o día de Rosalía coa programación para este sábado do espectáculo teatral "Libre coma os paxaros"

A Casa-Museo Manuel María conmemora o día de Rosalía coa programación para este sábado do espectáculo teatral

Producida pola histórica compañía Teatro do Atlántico e dirixida por Xúlio Lago, é un percurso polo pensamento e a poesía de Rosalía, interpretada por María Barcala

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, día 18 de febreiro, ás 20 hrs, unha actividade moi especial para celebrar o Día de Rosalía (23 de febreiro). Os asistentes terán a oportunidade de presenciar o espectáculo "Libre coma os paxaros", en que poderán gozar da poesía e o pensamento de Rosalía, interpretada por María Barcala, e cuxa dirección e dramaturxia recae en Xúlio Lago (Teatro do Atlántico). Para asistir é necesario reservar billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.
 
Fío argumental:
Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.
Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.
Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.
Muller.
Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros.
Chámase María Rosalía Rita de Castro.