Actividades

A Casa Museo Manuel María acolle até o 31 de maio a microexposición Nome-s Negado-s

A Casa Museo Manuel María acolle até o 31 de maio a microexposición Nome-s Negado-s

10/04/2015 - Casa-Museo Manuel María, Outeiro de Rei

A mostra, da autoría de Gonzalo Montes Somoza ("O Gonzalo da Ulloa"), inaugúrase este sábado 11 de abril cunha mesa redonda ás 20 horas sobre o proceso de perda, deturpación e recuperación dos nomes propios en galego 

A microexposición, emprazada no espazo da Biblioteca da Casa de Hortas, poderá ser visitada até o próximo 31 de maio no horario habitual de visitas

 

 A Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei acolle desde a pasada fin de semana unha microexposición pictórica do pintor Gonzalo Montes Somoza (“O Gonzalo da Ulloa”) baixo a denominación Os Nomes Negados: Laio na desfeita pola perda dos nomes galegos.

A mostra, emprazada no espazo da biblioteca da Casa de Hortas de Outeiro de Rei, está composta por unha pintura acrílica sobre táboa, un tríptico en pintura acrílica sobre lenzo, unha maleta con vitrina que contén a documentación orixinal da chamada Casa do Bispo e e un total de doce caligrafías acrílicas pseudo-abstractas. Poderase visitar durante todo este mes de abril e até o 31 do vindeiro mes de marzo no horario habitual de visitas da Casa-Museo, os sábados (de 11 a 14 e 16.30-18.30 horas) e domingos (11-14 horas).

A microexposición busca despertar a reflexión colectiva sobre o proceso de perda, deturpación ou substitución dos nomes propios galegos e quere ser tamén unha chamada á acción, a recuperar, mediante a toma de consciencia e a acción colectiva, eses nomes negados.

O autor inicia a reflexión a partir do seu propio relato familiar: seu pai, coñecido como Antón do Bispo, figuraba en toda a documentación oficial referida á súa casa e ás súas terras como Antonio, malia que ninguén o chamase así; porén, un dos seus fillos restaurou voluntariamente o seu nome por Xoán Antón. A mostra recolle as dúas caras dun proceso aínda reversíbel: a perda da identidade e as posibilidades da súa recuperación.

Unha mesa-redonda para debater sobre o proceso histórico de perda dos nomes galegos e as posibilidades da súa restitución inaugurará formalmente a mostra mañá sábado ás 20 horas, con presenza do autor e de entrada libre. Nela participarán tamén o irmán do autor, co-protagonista do relato familiar que dá orixe á microexposición, e o profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei, en cuxo labor investigador e divulgativo figuran traballos sobre historia da lingua, onomástica e toponimia.