Actividades

A música volta este mes de abril á Casa Museo Manuel María con Pablo Díaz e Caxade

A música volta este mes de abril á Casa Museo Manuel María con Pablo Díaz e Caxade

10/04/2015 - Auditorio da Casa-Museo Manuel María

 Os concertos, gratuítos, enmárcanse nos Seráns Culturais da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo

Pablo Díaz chega este sábado 11 de abril cun concerto familiar ás 18 horas para compartir os temas do seu disco máis recente, Xente miúda moita fartura

Caxade achegará o sábado 18 de abril ás 21 horas a súa exitosa e orixinal proposta musical, auténtica revelación no último ano 

 A primavera chega con forza á Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei e trae novas propostas para seguir enchendo de contido e vida os diferentes espazos da casa natal do escritor.

De novo a música ocupará un lugar principal na oferta lúdica da Casa de Hortas para este mes de abril. Trátase, nesta ocasión, de concertos que se inscriben nos Seráns Culturais que está a organizar a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo en diferentes puntos da provincia e que terán entrada gratuíta. 

Este sábado 11 de abril, ás 18 horas, será a quenda de Pablo Díaz, quen a través dun concerto familiar compartirá co público os temas do seu disco máis recente, Xente miúda moita farturaO universo en que se move esta nova proposta é de pequeno tamaño, como a xente á que vai dedicado. Fala das cousas máis próximas á vida d@s miúd@s, como os insectos, recoller os xoguetes, as cremas de verduras ou celebrar en galego un aniversario.

O sábado 18 de abril, ás 21 horas, o auditorio da Casa Museo acollerá un concerto musical de Caxade. Caxade é o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Indie-folk cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pos-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico.

Aínda que ambos os concertos teñen entrada gratuíta, o aforo limitado do auditorio fai que sexa preferíbel reservar entrada previamente. Pódese facer polas canles habituais: no teléfono 698 177 621 ou a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com